Casas niño

Se queres ter fillos tes as...

Casas niño

Que é?

As casas niño son un servizo gratuito de atención á infancia con cinco prazas para o coidado de pequenos de entre 3 meses e 3 anos. É un modelo de atención que se encontra nos concellos de menor tamaño e adaptado ao rural galego, que se presta por medio de profesionais autónomos ou cooperativas de traballo asociado.

Que servizos prestan?

Ofrecen unha atención diúrna integral, personalizada e flexible ás familias na que se combinan os tempos destinados ás rutinas do sono, comida ou da hixiene propia con outros destinados a actividades específicas segundo as caraterísticas dos nenos e das nenas.

Canto tempo podo levar ao pequeno/a á Casa Niño?

As familias poden levar os nenos e nenas un máximo de oito horas diarias nun horario flexible que se pactará co/coa profesional que desenvolve o proxecto.

Quen pode asistir a unha Casa Niño?

Os nenos e as nenas empadroados no concello nos que esta se sitúa ou nun limítrofe onde non existan recursos de atención á infancia de ata 3 anos de idade e acreditar o cumprimento do calendario de vacinación infantil do Programa Galego de Vacinación.

Canto custa?

O servizo desenvólvense de xeito gratuíto na modalidade de atención diúrna de luns a venres durante todo o ano, agás os días festivos e un mes de cada doce no que a Casa Niño permanece pechada por vacacións.

Que servizos comprende a atención?

A atención prestada comprende tamén o servizo de cociña, que consiste na preparación final dos alimentos elaborados previamente polas familias e achegados diariamente á Casa Niño para o seu consumo no momento do comedor.

Que teño que facer para inscribir o meu fillo ou filla nunha Casa Niño?

Deberá dirixirse á persoa titular do servizo para informarse do prazo de presentación de solicitudes de cada curso así como da documentación que lle deberá achegar coa solicitude.